Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta investirá 3,5M€ nunha nova convocatoria de axudas para financiar infraestruturas municipais


― Os concellos galegos de menos de 30.000 habitantes teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes

― A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, as melloras levadas a cabo en Moraña ao abeiro desta orde para mellorar a antiga biblioteca e destinala a arquivo municipal

― Coa Orde de Infraestruturas de uso público, creada no ano 2009, A Xunta destinou 40M€ á posta en marcha de 1.372 proxectos en concellos de toda Galicia para mellorar as condicións de vida da súa veciñanza

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais ao longo do ano 2022, de forma individual ou mediante o sistema de xestión compartida, e na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros.

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, informou hoxe en Moraña de que os concellos interesados teñen un mes de prazo para presentar as súas solicitudes. Natalia Prieto visitou o concello pontevedrés acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, para coñecer, precisamente, as melloras levadas a cabo o ano pasado no municipio ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público.

En concreto, a Xunta colaborou co Concello na mellora do edificio no que estaba a antiga biblioteca e que foi remodelado para acoller o arquivo municipal. A Administración autonómica investiu máis de 36.000 euros nunha actuación levada a cabo nun inmoble de titularidade municipal construído nos anos 60 do século XX e que desde o ano 1980 non foi reparado, polo que se atopaba nun estado deficiente para a finalidade que se lle quería dar, sobre todo tendo en conta que ía albergar documentos que precisan dunhas determinadas condicións ambientais para a súa conservación.

As obras consistiron na mellora do revestimento exterior para mellorar as condicións de salubridade e habitabilidade do inmoble, ademais de intervencións no interior para mellorar a accesibilidade do edificio e dos aseos. Segundo indicou a directora xeral de Administración Local, “con estes traballos mellorouse notablemente a imaxe do edificio e as condicións de uso para o novo destino, un dos obxectivos da liña das achegas que a Xunta destina aos concellos destinadas á rehabilitación e conservación do seu patrimonio”.

O Concello de Moraña beneficiouse nos últimos anos de axudas por valor de máis de 670.000 euros coas que se sufragaron obras nos parques infantís e nas infraestruturas deportivas, actuacións ambientais e melloras no saneamento municipal, entre outras.

A axuda para a obra do arquivo municipal tramitouse no marco da Orde de Infraestruturas de uso público destinada á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, a través da que a Xunta financiou o ano pasado 125 proxectos promovidos polas entidades locais galegas.

Equilibrio territorial
Desde a creación da orde, no ano 2009, a Administración galega mobilizou máis de 40 millóns de euros para financiar 1.372 proxectos en concellos de toda Galicia. O obxectivo desta liña de axudas é garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que a cidadanía galega teña unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia.

A crise sanitaria fixo aínda máis necesaria esta iniciativa que parte da Vicepresidencia primeira da Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, xa que os pequenos concellos atópanse con serias dificultades para atender os servizos que precisan os seus cidadáns.

Con esta finalidade, a orde regula as actuacións ás que se poderán acoller as Administracións locais interesadas, e que se refiren a obras de instalación, ampliación e mellora das redes de alumeado público; obras de pavimentación de camiños públicos municipais; obras de construción, mellora e ampliación de parques infantís; obras de construción, ampliación, rehabilitación e mellora de dependencias municipais e obras de construción, ampliación ou mellora de instalacións deportivas de uso público.

Poderán beneficiarse desta subvención os concellos galegos que, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, reúnan os seguintes requisitos: ter menos de 30.000 habitantes e ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG.